Muíño hidráulico ou de auga
Ao pé da casa un muíño cantareiro
ao son da lira de auga que enche o caño,
baixo o maino agarimo dun castaño
e os amorosos brazos dun cruceiro
Ramón CABANILLAS

Nos muíños hidráulicos ou de auga, a transformación da enerxía cinética da corrente hídrica en cinética de rotación conséguese mediante unha roda hidráulica que pode ser de dous tipos segundo a disposición do seu eixe: a de eixe horizontal, empregada principalmente en aceas ademais de folóns e mazos; e a de eixe vertical, denominada rodicio, que é a máis empregada en Galicia nestes muíños dos que se fala.
Nas rodas de eixe horizontal distínguese dúas formas de funcionamento: a das rodas que son movidas pola corrente de auga na que van somerxidas as pas -chamadas vitruvianas en honra ó autor Marco Vitruvio, o cal as recolle no tratado titulado “De Architectura”-; e a das rodas nas que a auga chega ás pas (neste caso culleres ou cazos) pola parte superior, e que reciben o nome de gravitatorias ou de cazos, de rendemento dúas veces maior que as vitruvianas.


Os muíños hidráulicos de rodicio son os que mellor se adaptan a un país montañoso no que abundan os pequenos ríos. Os rodicios constan dunha serie de pas en forma de culler. Os máis comúns tiñan 24 pas, chamadas pelas ou penlas. As moas, movidas polos rodicios, viñan tendo sobre dos 95 cm. de diámetro.
Ao aumentaren as pedras ou moas o tamaño, ata os 110 cm., os rodicios tamén eran maiores e o número de pelas era de 28. O diámetro destas rodas hidráulicas horizontais oscilaba, en xeral, entre 80 e 160 cm. Na zona do Rosal, no Baixo Miño, o tamaño sitúase en volta dos 120 cm. de diámetro e a velocidade de rotación era dunhas 120 rpm.


As pelas dos rodicios estaban construídas en madeira de carballo verde, o mesmo que a pena na que ían montadas, e cada unha era dunha soa peza. A partir do século XIX comezan a se facer rodicios metálicos que irán substituíndo aos de madeira.

A saída da auga cara ao rodicio practicábase pola gateira, un tronco de pirámide cadrada feito en madeira de piñeiro do país, o cal concentra o líquido que baixa polo cubo forzándoo a saír por un furado cadrado de 5X5 cm. aproximadamente. A gateira orientábase para que a auga petara na terceira pela do rodicio. Como se debía asegurar moi firmemente para que non se movese en absoluto e tiña que soportar a forza da corrente fixábase mediante tres pezas de madeira contra as paredes do inferno.
Desde o punto de vista técnico, os rodicios son rodas de menor potencia e tamaño cás rodas de eixe horizontal. O seu uso reservábase, sobre todo, ás zonas altas onde os ríos teñen pequena sección e grandes velocidades.

O muíño hidráulico de rodicio ocupaban moi pouco espazo e, cando a pendente do lugar onde se situaban era grande, podían estar moi próximos uns dos outros sen necesidade de teren banzado, sempre que se garantira un mínimo caudal de auga.
A altura desde a parte superior do cubo ata o rodicio oscilaba entre 2,5 m. e 4,5 m., aínda que o máis común era que estivese en volta dos 3,5 m. Así, con estes valores, podemos ver como para unha altura do cubo de 3,5 m. e unha sección no extremo da gateira de 5 X 5 cm. a velocidade de saída da auga é de 8,4 m/s e o caudal de 21 litros/s. Nesta situación, para un rendemento do rodicio do 65%, a potencia que se transmite á moa é de 485 W.


A transmisión do movemento do rodicio á moa faise directamente a través da árbore, sen mecanismos intermedios, mentres que nos de eixe horizontal se precisa dun sistema de engrenaxes (roda e lanterna) para transformar a rotación da árbore horizontal en rotación da árbore vertical. A peza que transmite o movemento do rodicio á moa está dividida en tres partes: veo, árbore e pela; o cal facilita a súa montaxe e permite realizar o correcto aliñamento mediante cuñas no encanamento dentado que hai entre a pela e a árbore.
O apoio dos elementos móbiles era moito máis sinxelo nos muíños de eixe vertical, nos que se facía cunha chumaceira axial constituída por dous seixos (agulla e obradeira) de grande dureza que traballaban a compresión lubricadas coa propia auga que facía xirar o rodicio. Este sistema de apoio ten alto rendemento mecánico e necesita pouco mantemento. Éra o sistema usado no muíño hidráulico de rodicio ou de roda horizontal


MUÍÑO ILLADO: No caso de que as pendentes nas que se sitúa o muíño hidráulico sexan suaves, irá moi separado doutros que puidera haber no mesmo río. A levada terá unha lonxitude grande así lograrase o desnivel necesario para que o muíño funcione.
MUÍÑOS EN CASCADA: esta disposición pode atoparse en zonas con fortes pendentes nas que se poden conseguir grandes desniveis en distancias cortas. Salvo no primeiro muíño os demais reciben a auga da riada do que lles precede.


- MAZO. Contrapeso que, unido por un cordel á reixa, acciona a barra da pexadoira para fechar o paso de auga no momento en que o gran da moega se esgota.
- ÁRBORE. Toro de madeira que xunto coa pela e o veo constitúe o eixe. Pela e árbore están unidos por un encanado reforzado con zunchos.
- PEXADOIRA. Sistema de regulación do paso de auga cara o rodicio que consta dunha barra que se acciona dende o interior do muíño hidráulico conectada a unha táboa e que permite desviar o fluxo de auga da gateira para que o rodicio non vire.
- PELA. Toro de madeira que formando parte do eixe do rodicio está situada no seu extremo inferior.
- RIADA. Desaugue do muíño hidráulico, por onde sae a auga.
- INFERNO. Zona baixa do muíño onde están os elementos que producen o xiro e sae a auga.
- ALIVIADOIRO. Sistema que, coa axuda de cuñas, permite regular a separación entre a moa e o pé. A regulación realízase ao subir ou baixar todo o conxunto que descansa sobre o rieiro.
- RIEIRO. Trabe de madeira sobre a que se apoia o eixe do rodicio.
- OBRADEIRA. Pedra dura (seixo) cóncava que vai colocada enriba do rieiro, sobre a que descansa a agulla.
- AGULLA. Pedra dura (seixo) pequena de forma ovoide que vai soportar o peso do eixe e permitir o xiro deste.
- RODICIO. Peza de madeira ou ferro que ten forma de roda con varias pas (penas) en forma de culler sobre a que incide o chorro de auga e serve para producir o movemento xiratorio da moa.
- PENA. Cada unha das pezas do rodicio sobre as que incide a auga.
- GATEIRA. Peza de madeira que serve para concentrar a auga que baixa polo cubo, dándolle máis velocidade.
- ENCANAMENTO. Unión entre a Pela e a Árbore, feita mediante rebaixe e dente, para transmitir movemento. Leva unhas cuñas para aliñar as dúas pezas, e uns zunchos para reforzar a unión.
- CRUZ. Pasador de madeira que atravesando a columna do aliviadoiro se calza coas cuñas para temperar a separación entre a moa e o pé.
- LEVADA. É a canle, normalmente aberta, pola que chega a auga ó cubo.
- CUBO. Canle pechada pola que baixa a auga que vai mover o rodicio.
- VEO. Peza metálica en forma de cruz invertida que unindo a árbore á segorella, atravesando o pé, transmite o movemento de rotación.
- BUXA. Peza de madeira, comunmente de figueira, que serve de guía do veo e evita a saída do gran polo burato do pé. A buxa axústase no pé e pode engraxarse con sebo.
- SEGORELLA. Platina que encaixa na moa e sobre a cal asenta esta; asemade transmite o movemento do veo á moa.
- PÉ. Peza fixa de pedra, situada debaixo da moa, que ao roular esta produce a fariña triturando o gran contra aquela.
- MOA. Peza de pedra que ao roular, na súa fricción co pé, produce a moenda do gran que está a machucar.
- TARABELO. Peza de madeira ou cortiza unida á biqueira que vai pousada sobre a moa e que ao vibrar, co movemento desta, fai que saia o gran da biqueira.
- BIQUEIRA ou ADELLÓN. Peza de madeira que leva o gran dende a moega ao ollal.
- MOEGA. Peza de madeira onde se coloca o gran a moer.
- REIXA. Peza de madeira que vai no fondo da moega e que cando esta se baleira é arrastrada polo mazo.
Ao baixarmos a barra da pexadoira estamos a actuar sobre unha táboa disposta a xeiro de panca, a cal, cando bascula, permite dirixir a auga que sae pola gateira contra as pas do rodicio para que no seu bater provoque o xiro deste.
Para que comece a moenda é preciso que o gran se vaia debrocando no ollo do muíño desde a moega. Isto conséguese baixando a biqueira, unha quenlla pola que decorre o gran; cando a biqueira está ergueita, o gran non pode saír da moega.
A fariña podíase moer máis ou menos fina. Para isto regulábase a separación das pedras actuando na cruz de maneira que se calzase nalgún dos niveis que a cuña permite; así, temperando, obtense fariña máis miúda canto menor é a separación.
Ao introducirmos máis a cuña, máis ergue a barra da cruz para provocar, asemade, a elevación do rieiro ao cal vai unida a devandita barra, a árbore que apoia nel é a moa que está no extremo desta. Xa que logo, pé e moa sepáranse.









