A serra hidráulica de Marzán

A madeira está ligada, dende os primeiros tempos, á historia da humanidade. Foi usada como combustible, para fabricar armas e utensilios de traballo, para a fabricación de vivendas e foi fundamental na navegación, facendo posible a construción de embarcacións.

Para traballar a madeira usáronse unha grande variedade de ferramentas, que foron evolucionando e facéndose máis sofisticadas a medida que se avanzou no coñecemento dos materiais.

A construción de serras manuais metálicas permitiu fabricar obxectos de madeira cada vez máis complexos diminuíndo o tempo de fabricación.
Para a obtención de táboas era preciso, mediante o uso de serras a acción conxunta de dous individuos que, apoiando o toro nunha estrutura chamada burro, imprimían a ferramenta un movemento de vaivén.

aserradores manuais
Serradores manuais

A mecanización do serrado da madeira foi bastante tardía, probablemente debido a que os enxeños de serrar eran complexos e a actividade moi especializada. Na actualidade, non existe moita documentación histórica relacionada cas máquinas de serrar.

Os enxeños de serrado mecánico, movidos de forma manual primeiro e usando a enerxía da auga e do vento despois, desenvolvéronse paralelamente a unha expansión da construción, tanto de vivendas e igrexas como naval.

A primeira representación gráfica dunha serra hidráulica alternativa de madeira da que temos noticia, é a que realiza Villard de Honnecourt por volta do 1235. Trátase dunha serra vertical que funciona cun sistema de accionamento por pancas para o movemento descendente e que aproveita as propiedades elásticas da madeira para o movemento ascendente.

serra de Villar de Honnnecourt
Serra de Villard de Honnecourt


O sistema biela-manivela, que permite transformar o movemento circular continuo en movemento rectilíneo alternativo, atopámolo en ilustracións de finais do século XIV. Aínda que hai algunha referencia xa no mundo romano. En concreto, hai un baixorrelevo do no século III d.C. na que se pode interpretar que aparece unha serra hidráulica de marmore que funciona cun sistema biela-manivela.

O primeiro deseño detallado dunha serra hidráulica co sistema biela-manivela debémosllo a Francesco de Giorgio (1439-1501) a finais do século XV. Aproximadamente na mesma época Leonardo da Vinci (1452-1519) realiza un debuxo ca súa propia versión de serra hidráulica, moi parecida a de Francesco de Giorgio. O deseño desta máquina de Leonardo, que algúns estudosos da súa obra sosteñen que se trata dunha copia do natural con eventuais modificacións, está incluído no Códice Atlántico, a maior recompilación de documentos, debuxos e proxectos do xenial sabio. Nos deseños de ambos autores aparece, ademais do mecanismo biela-manivela, un interesante sistema de avance automático do carro que transporta o toro baseado nun dispositivo de trinquete similar ao escape dun reloxo.

serra de Francesco de Giorgio
Serra hidráulica de Francesco de Giorgio
serra de leonardo da Vinci
Serra hidráulica de Leonardo da Vinci


No século XVI, o serrado mecánico ca enerxía da auga e incluso ca do vento experimenta unha certa expansión por Europa. Aínda así, moita madeira seguía serrándose a man. Cóntase que a primeira serraría mecánica construída en Inglaterra, en Deptford, foi destruída polos serradores de monte que consideraban que o novo sistema ameazaba a súa profesión.

En España as serras movidas por auga están documentadas en datas máis tardías. A primeira referencia que aparece dunha serra hidráulica de madeira debémoslla a Ambrosio de Morales que en 1575 describe así as serras hidráulicas:

“Estas assierras de auga, fueron invención de mucho ingenio: pues con una sola rueda que trae el agua, se haz en cuatro movimientos muy diferentes. Uno de alto para abajo para la sierra. Otro de caminar por tierra el madero, que se corta al justo de lo que la assierra (que está queda y siempre en un lugar)pide. Otros dos de dos ruedas diferentes, una con el eje levantando en pie, y otra con el eje tendido para dar cuerda a la caja en la que va metido el madero, otra para cojer aquella cuerda.”

A serra proxectada polos inventores citados chegará, nunha data bastante posterior e con lixeiras variacións, conservando a mesma estrutura e tipoloxía, a Galicia; procedente probablemente do norte de Portugal, onde están documentadas estas serras dende moito antes. Cabe destacar como principais variacións respecto dos deseños orixinais, a incorporación dun enxeñoso sistema de regulación da velocidade do carro que permitía serrar madeiras de distinta dureza de forma óptima, e a aparición dun sistema de retroceso do carro accionando unha manivela, cun mecanismo chamado Sarillo.

Na actualidade, no Rosal, tense constancia da existencia de tres serrarías, a do Couto en Valdemiñotosi, que se atopa en ruínas e non conserva nada da súa maquinaria. A de Fornelos, cuxo edificio e levada están en perfecto estado e da que se conserva algunha peza orixinal e a do muíño do pighorro en Marzán, alimentada polo regato da Soberbia. Esta última estaba nun excelente estado de conservación (en 2004 cando se visitou por primeira vez) e actuouse sobre ela en 2008 para restaurala, tanto o edificio como a maquinaria. Hai testemuñas, que falan doutras serrarías ee auga, pero non se puideron contrastar.

Respecto do norte de Portugal, hai moitas serrarías catalogadas e en moi bo estado de conservación, como é o caso da serra de Rossas en Vieira do Minho ou a de Pereiras (Monte Cordova) en Santo Tirso. En calquera caso en Portugal hai un maior número de serras catalogadas e mellor conservadas que en Galicia. Isto é debido a que eles traballaron con estas máquinas ata unha época máis recente e a que investiron máis esforzos no mantemento, catalogación e restauración do seu patrimonio etnográfico industrial.

serra hidráulica alternativa
Representación que serviu de base para restastaurar a serra hidráulica de Marzán (O Rosal)

No inquerito industrialii de 1881 nos concellos do distrito do Porto tiñan recollidos 45 enxeños de serrar hidráulicos e 181 serradores braçaisiii.
A serraría hidráulica de Marzán é unha instalación construída a finais do século XIX que consta, cunha superficie de case 100 m2, dunha serra hidráulica alternativa e dous muíños de rodicio. Despois de pasar por dúas restauracións, a primeira centrada no edificio e a cuberta e a segunda centrada no edificio e a maquinaria tanto da serra como dos muíños, este complexo atópase en moi bo estado, de tal maneira que, complementando un sistema de información adecuado, podería converterse nun atractivo para os curiosos e visitantes que permitiría entender e admirar o complexo funcionamento dunha serra hidráulica alternativa.

A serra da que estamos a falar, polas circunstancias que se dan en Galicia en canto a ausencia de restauracións deste tipo de enxeños e a escasa documentación bibliográfica e planimétrica, ten un alto interese e singularidade etnográfica. Esta serra, igual que outras que podemos atopar noutros lugares de Galicia e norte de Portugal, está construída a partir dos deseños de Francesco de Giorgio e Leonardo da Vinci e non ten variacións substanciais respecto dos debuxos orixinais destes.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio