
Na Galicia tradicional, os curas son obxecto de reverencia, mais tamén o son de burlas e críticas. Normalmente os eclesiásticos non teñen hábito de traballar porque hai quen o faga por eles, pero, ás veces, deben ir ao muíño, lugar en certa medida impuro, e sucédenlles desventuras. A falta de costume de andar por camiños intransitables e os calzados de “señorito” axudan a que ocorran as desgrazas.(4), (16), (39)
Os cregos van marcados, ademais de coa roupa talar, coa tonsura que os identifica coma tales. Para cocer, ademais de moer previamente, precísase o fermento para que levede o pan. (16)
No antigo rural, a autoridade, vaia saber vostede polo que, non gozaba de grande recoñecemento. As distintas institucións xeraban abonda desconfianza; así, aínda se conta como, cando chegaban gardas ou alguacís a unha aldea, se corría o berro de “pechade as portas que aí vén a Xustiza”
Se a autoridade é eclesiástica, e convive na contorna, isto é se se trata do abade da parroquia, será tratado co debido respecto, mais tamén é de crer que se rían e burlen del -polo menos ás caladiñas- sobre todo pola súa falta de produtividade, aínda que tamén por certos vicios que combate nos demais. (39)
4
O cura foi ó muíño
co pelico na cabeza,
esbarrancáronll’as chanquiñas
e caiu co cu na presa.
16
O crego foi ó moíño,
meteu a cabeza dentro;
trouxo fariña na croa
para facer o formento.
39
O creg’amaila criada
e tamén o sancristán,
os tres xuntos no muíño
que boa fariña fan.
Os cregos, homes ao fin, non se dan xeito nos labores domésticos, por iso son coidados por amas e criadas, as máis das veces honradas e honorables, que van poñendo adoito orde no vivir. Non sempre se acerta coa persoa adecuada, e con pouca previsión e planificación os traballos caseños non dan saído como deberían.(27)
27
O crego e mais a criada
ordenaron de cocer:
tiñan a leña no monte
e a fariña por moer.
Os malpensados din que a algún crego lle gusta ollar as raparigas ao pasaren para o muíño e saciar así a súa luxuria, mais seguro que se asoma para as previr do perigoso que lles resulta aquel lugar. As mozas, así e todo, ao sentírense veladas poñen bo coidado en que non as vexan. (91)
91
O cura de Barrabás
doull’ó Demo un asubío
para chamar as rapazas
cando van pró muíño.

Algún abade hai que se asoma na ponte do muíño para observar, ás furtadas, como lavan as raparigas. A súa lascivia ten cumprido castigo e provoca a hilaridade xeral. (71)
71
O crego foi ó moíño
e caeu da ponte en baixo;
acudí ó crego, nenas,
que vai polo río abaixo.
Xa sexa, como sosteñen uns, desde o Concilio de Elvira no século IV, xa, como o fan outros, desde os escritos de Uguccio de Pisa en 1190 ou ben, como din os máis desde o II Concilio de Letrán en 1139, a cuestión é que a Igrexa estableceu o celibato para os cregos. A maledicencia popular determina que os pobres dos curas desafogan as necesidades biolóxicas mediante relacións ilícitas coas amas ou criadas. Estas, nun mundo sen contraceptivos, teñen que se ocupar de criar os «sobriños» do señor abade. (42) (74)
42
O crego foi ó muíño,
foi cun fol e veu con outro
par’aforrar á criada
qu’está parida de pouco.
74
Si o crego vai no muíño
e lev’un fol e trai outro
que ten que ver coa criada
nin si ela pareu hai pouco?
(Tirado de A auga: aplicacións enerxéticas na Galicia preindustrial, traballo de creación de recursos didácticos na web que un grupo de profesores está a desenvolver no IES A Sangriña.)





