Que sabor de auga tes
mátame a sede

Marta DACOSTA, Setembro, 1998

Parella bailando

Declarárselle a unha rapariga require unha certa arte, mais se a moza é a muiñeira e ten, digamos que certas atencións co namorado, entón resulta máis doado. O rapaz amósase agradecido con ela; cal pode ser a razón? Pois non é outra senón que lle permita moer no seu muíño. O que se agacha tras esta licenza só eles dous o saben.

Cando se vai de pretenda hai que agasallar á namorada con algo que a faga feliz. Entre os presentes que se lle poden ofrecer ás mozas, as peras son un galano amatorio reiterado, só hai que lembrar a cántiga “De Portugal me mandaron/tres peras nun ramalliño/Ai quen me dera sabere/quen me ten tanto cariño”. Todo se complica se as ilusións lle fan preparar ao galán un obsequio que non vai achar destinataria, pois as muiñeiras, como mulleres independentes que son, están no muíño cando lles peta.

Muiñeira

O mito de Penélope a tecer e destecer, tan caro á literatura “culta” galega do” nobelo nove …” ou do “aran os bois e chove”, expresado delicadamente con teares de muíño e fíos de gra, indica os encontrados sentimentos que nos asaltan nos momentos do namoro, nos intres do Si e do Non.


A rotundidade no andar do muíño e o acompasado do moer contaxia o desprazamento da muiñeira, que se a podemos ver namorada agora fai tolear a quen admira o seu abalado camiñar. Se era na maquía no que ás veces a acusan de roubar, agora vemos unha muiñeira furtando nos corazóns.

parella con vaca
desnudo

Os brazos da Paula acollendo amorosamente durante toda a noite ao rapaz namorado é a tenra expresión da práctica habitual dos amores nocturnos no muíño.

Dicimos duro coma un coio, coma unha rocha ou coma unha pena. A auga ten, pola contra as características do feble, por máis que, ás veces, veña unha arroiada con forza desusada ou sexa a auga a que mova o rodicio. A auga envólvenos e rodéanos cando nos bañamos. Sen embargo, a perseveranza do feble acaba por mover a vontade do forte. Así fai unha pequena pinga, que a poder de gotexar acaba por esburacar un furado na pena máis dura. Tamén no amor máis firme o moito de pouquiñas cousas que amosan desamor acaban por amolecelo.

muller lavando no río

Na Galicia tradicional, os curas son obxecto de reverencia, mais tamén o son de burlas e críticas. Normalmente os eclesiásticos non teñen hábito de traballar porque hai quen o faga por eles, pero, ás veces, deben ir ao muíño, lugar en certa medida impuro, e sucédenlles desventuras. A falta de costume de andar por camiños intransitables e os calzados de “señorito” axudan a que ocorran as desgrazas.

cura na ventá

Os cregos van marcados, ademais de coa roupa talar, coa tonsura que os identifica coma tales. Para cocer, ademais de moer previamente, precísase o fermento para que levede o pan.

No antigo rural, a autoridade, vaia saber vostede polo que, non gozaba de grande recoñecemento. As distintas institucións xeraban abonda desconfianza; así, aínda se conta como, cando chegaban gardas ou alguacís a unha aldea, se corría o berro de “pechade as portas que aí vén a Xustiza”Se a autoridade é eclesiástica, e convive na contorna, isto é se se trata do abade da parroquia, será tratado co debido respecto, mais tamén é de crer que se rían e burlen del -polo menos ás caladiñas- sobre todo pola súa falta de produtividade, aínda que tamén por certos vicios que combate nos demais.

dous paisanos no rural

Os cregos, homes ao fin, non se dan xeito nos labores domésticos, por iso son coidados por amas e criadas, as máis das veces honradas e honorables, que van poñendo adoito orde no vivir. Non sempre se acerta coa persoa adecuada, e con pouca previsión e planificación os traballos caseños non dan saído como deberían.

mulleres xogando

Os malpensados din que a algún crego lle gusta ollar as raparigas ao pasaren para o muíño e saciar así a súa luxuria, mais seguro que se asoma para as previr do perigoso que lles resulta aquel lugar. As mozas, así e todo, ao sentírense veladas poñen bo coidado en que non as vexan.

moza con tina de zinc na cabeza

Algún abade hai que se asoma na ponte do muíño para observar, ás furtadas, como lavan as raparigas. A súa lascivia ten cumprido castigo e provoca a hilaridade xeral.

moza con pano na cabeza

Xa sexa, como sosteñen uns, desde o Concilio de Elvira no século IV, xa, como o fan outros, desde os escritos de Uguccio de Pisa en 1190 ou ben, como din os máis desde o II Concilio de Letrán en 1139, a cuestión é que a Igrexa estableceu o celibato para os cregos. A maledicencia popular determina que os pobres dos curas desafogan as necesidades biolóxicas mediante relacións ilícitas coas amas ou criadas. Estas, nun mundo sen contraceptivos, teñen que se ocupar de criar os "sobriños" do señor abade.

mulleres cotilleando

A maledicencia e o díxome, están mal vistos en todas as sociedades. A literatura popular, os refráns e proverbios están inzados de maldicións para os que murmuran: “O río cando vai cheo/leva carballos e follas/tamén podía levare/as linguas murmuradoras”. Tamén sucede igual cando alguén ten o enxeño agudo e con axilidade responde certeiramente con intencións de ferir; fálase do velenoso que é ou da lingua aguzada que ten. É a lingua, o órgano, que se entende como o da fonación, quen leva a culpa destes actos de mala veciñanza ou de “fina dialéctica”; por iso, aos que teñen a lingua longa, non lles viría mal que llela amansase algo o batán cos seus mazucos a bater.

Entre todos os animais da fauna salvaxe, o raposo é, e non só entre nós, o que ten unha sona máis diversificada e polivalente, por unha banda, como depredador das especies cinexéticas que entra en competición directa co home e tamén como ladrón da facenda miúda, sobre todo galiñas, é visto coma un inimigo que se debe exterminar; por outro lado, dadas as moitas veces que burla a vixilancia do home, é acredor dunha certa simpatía e recoñecemento da súa astucia considerándose como aleuto e lizgairo. Sábeas todas, por iso cando escapa permítese o luxo de se rir dos perseguidores que o han coller cando a la que se foi apertar no folón volva para lle facer unha saia con ela.

mulleres na colleita

Entre os animais que están sempre presentes no muíño os ratos teñen un lugar privilexiado. Nos xogos e cantigas de botar a sortes está presente a actividade que xera o muíño por ser esta fundamental na economía e na vida agraria. En todo caso, neste tipo de cantigas condénsase a vida toda, mesmo a división do traballo e o traballo feminino duplo nas leiras e mais na casa.

Pico, pico, mazarico
quen che deutamaño bico?
Doumo Dios e San Francisco
para picar nos carballos,
antre as ponlas e ramallos.
E piquei e repiquei,
tres granciños atopei
e leveinos ó moíño;
ó moíño a moer,
os ratiños a comer
e collín un polo rabo
e leveino ó mercado.
Canto me dades, señores,
por este porco cebado?
Cen reás e un ochavo.
Fun por cas de miña tía
cando o sol amañecía;
doume unha cunca de leite;
a cunca estaba fendida
i a culleriña partida.
Fun pla corredoiriña,
topei unha cornetiña,
que tocaba que rabiaba,
e salíronme os ladróns
e roubáronme os calzóns.
Acudide acá mulleres,
con gadañas e culleres.
O piollo e maila pulga
quixéronse casar,
mais non tiñan pan
nin onde o buscar.
Saleu a formiga
da súa formigueira,
mandarme recado,
eu serei panadeira.
Aire, vida miña!
panciño x’otemos;
fáltannos mantés,
onde os buscaremos?
Saleu a araña
da súa arañeira:
mandarme recado,
eu serei tecedeira.
Aire, vida miña!
Mantés xa os temos.
fáltano-la carne,
onde a buscaremos?
Saleu o lobo
por mui carnufeiro:
mandarme recado,
eu traerei o carneio.
Aire, vida miña!
carniña xa temos:
fáltano-lo viño,
onde o buscaremos?
Saleu o mosquito,
por mui lixeiro:
mandarme recado,
eu serei arrieiro.
Aire, vida miña!
Viñiño xa temos:
fáltanos gaiteiro,
onde o buscaremos?
Saleu a chicharra
da súa chicharreira:
mandarme recado,
eu serei gaiteira.
Aire, vida miña!
gaitiña xa temos:
faltan os danzantes,
onde os buscaremos?
Saleu o sapo
por mui arrogante:
mandarme recado,
qu’eu serei danzante.
Aire, vida miña!
danzante xa temos:
faltan os padriños,
onde os buscaremos?
Saleu a ra
da súa auga fría:
mandarme recado,
eu serei madriña.
Aire, vida miña!
madriña xa temos:
fáltanos padriño,
onde o buscaremos?
Saleu o rato
por detrás do muíño:
mandarme recado,
eu serei padriño.
Acabous’a voda
con grande ruído.
Veu o gato por detrás,
e pillou o padriño.

mulleres forneando

Nas cancións de berce está presente sempre o mundo campesiño e a división tradicional do traballo.

Nun mundo sen garderías, nin escolas onde deixar os nenos e onde ambos os proxenitores traballan, hai que botar man da familia extensa, de veciñas ou das outras fillas para que se ocupen dos pícaros cando estes son pequeniños e hai que os coidar se faltan os pais. Neses casos hai que lles cantar unha canción de berce mentres se lles abala este se é que choran, cousa abondo normal, pois á natural problemática dos pequenos úneselle a existencia dun mundo moi distinto do actual onde non existen cueiros de celulosa “superabsorbente”, nin pomadas ou bálsamos, nin abalodoiras eléctricas, tronas, ou outras comodidades nin instrumentos. Peor aínda é que a nai do meniño non dea volto do traballo para cando lle aperte a fame, pois aínda as multinacionais non deron en fabricar biberóns de leite maternizado.

maternidade
muíño e árbore

A poesía popular tamén admite estas crípticas composicións, das que non temos a seguridade de interpretalas ben. De feito, popularmente existe unha segunda parte que fai referencia a un encantamento. En todo caso, máis verosímil parece que o que teña o compadre sexa unha taberna ca un muíño, por aquilo da sensación de voar.

O amor polo eido, pola parroquia, polo lugar é natural en todos, mais ás veces enmascara as nulas posibilidades reais de saír da aldea, unha das razóns que podería explicar a endogamia. É en van tratar de moldear o ferro en frío, os ferreiros sábeno e por iso usan a fragua, aínda que manchen a roupa con carbón e con muxicas.

Comida con trexes tradicionais galegos

A xente aínda que viva en lugares ruíns e costentos sempre lle ten apego ao seu anaquiño de terra. Sempre os produtos do noso son os mellores; nos vales e sitios feraces é difícil non ter unha boa produción de algo para considerala como a mellor, onde non hai máis que penas e auga, só queda gabarse do ben que moe o muíño e das mozas bonitas que se dan no país.

Panorámica dun río galego

A visión da vida coma un eterno fluír está apoiado na observación da natureza. Na cultura campesiña os elementos naturais son tan próximos, estase tan en comuñón con eles que non se poden separar dos sentimentos máis íntimos. Entre eles, o amoroso é un dos que se expresan máis comunmente nos cantares populares, moitas veces con leda expresión rebordante, mais outras, como é o caso, laiando e suspirando. Xa así facían os coitados trobadores cortesáns. Comparar os suspiros amorosos coas augas pontevedresas que baixan desde o Alba ata o mar polo Lérez abaixo integra a quen sofre a coita na terra en que naceu.

pequena cascada

Os adeuses populares aos ríos e aos outros elementos da natureza cando se parte para a emigración ou se vai servir ao rei, que glosou Rosalía desvelando a triste realidade das viúvas dos vivos ou dos brazos ausentes para traballar a terra, están aquí presentes. O noso mundo está configurado no propio imaxinario por ríos, por fontes, por auga, ao fin, que vivifica simbolicamente as cidades e as aldeas, o universo primario que nos sitúa no mundo.


Panorámica de río e montañas

A descrición hidrográfica non é exclusiva dos grosos tratados de xeografía que se estudan nas escolas; tamén a poesía popular sabe ollar sobre a realidade da nosa contorna, nun acto que tamén é reivindicativo do país

As augas, os ríos non son máis que elementos da natureza que unen as poboacións que están unhas por fronte doutras. As fronteiras son cousas dos homes de estado e iso nin os namorados do noso poema o consideran importante, nin o neno que retrata Castelao a lle perguntar ao seu avó na foz do Miño polos da outra banda o comprende. Aínda que non haxa pontes tendidas, as vilas séntense próximas. Mesmo se elude falar da separación física que supón o propio río; as localidades dunha ribeira e doutra do Miño séntense tan xuntas como os veciños das portas.

estampa da desembocadura do miño

Premonitoriamente a cántiga vai citando as poboacións río abaixo, nesa orde, tal e como se foron construíndo as pontes que hoxe xa abrazan Tui a Valença e Goián a Vilanova. Que se consume a historia de amor entre os dous galaicos separados polo río, se cadra depende das autoridades de obras públicas.

os enterradores

No muíño hai animais que viven da vida que por alí pasa. Os bechos son habitantes habituais. Nas relacións amorosas mercenarias o reo de ir ao inferno non é a muller senón o home que anda emputecido

O muíño precisa un certo mantemento e coidado para que non se derrame. O que nunca se pode facer é deixar o muíño andando sen ter gran porque se roe a pedra. Esta necesidade de botar o gran na moega antes de lle dar á pexadoira serve como metáfora da necesidade de facer as cousas todas na súa orde

ilustración de muíño
home na taberna

A necesidade de respectar os maiores e o principio de obediencia aos proxenitores obriga a que os fillos que xa queren ir tendo independencia coñezan a arte de temperar nas friccións dos conflictos interxeracionais. Esa arte é como a que hai que ter para axustar a moa


Descubrir segredos, coñecer o que se larea en voz baixa, nos camiños, nas casas, nos muíños é o impulso natural das persoas, aínda que algunhas presenten maior curiosidade ca outras. Mais para manter segredos entre varios é preciso contalos ás caladiñas, sen os demais enteirárense, chegando poxigos e ventás, e tratando de blindar o máis posible a intimidade reveladora. Por iso, desde pequenos se lles di aos meniños que non escoiten tras as portas. Aos adultos a recomendación tenlles forma de ameaza: quen escoita o seu mal oe.

abrazo das leiteiras
Ilustración de festa campestre

A festa, o lecer están moi ben para aliviar as tensións que provocan os traballos cotiáns. Na sociedade campesiña, impensables as modernas viaxes de recreo e pracer onde se goza do ocio, como dicían os latinos, “cum dignitate”; é necesario procurar solaz nas diversións que se suscitan na realización dos labores. Unha muiñada, co seu trasnoitar ledo pode ser unha boa ocasión, como ir conversar na noite ao carón do lume da lareira. A mentalidade práctica e responsable da muller, que endelga alén da satisfacción inmediata dos mozos desocupados, pon un freo de sensatez aos excesos festivos. Está ben divertirse, mais na súa xusta medida, hai que atender tamén ás obrigas.


A propiedade privada, a dos poucos bens que se poden ter nesta Galicia preindustrial, xa sexan de uso persoal, aveños ou produtos agrícolas, está fortemente arraigada. A defensa estrita dese valor maniféstase nas cántigas populares. A condición de ladrón é afeada en todas partes, e a acción é castigada sen piedade. As contundentes actuacións punitivas, sen xuízo nin defensa, deste muiñeiro revelan unha brutalidade primitiva que usa a violencia de forma compulsiva. Máis aínda, podemos catalogar esa brutalidade de machista, misóxina e a canción de moi groseira, só apta para lugares concorridos por homes que necesitan reafirmarse na súa virilidade.

ilustración de cabreiro con pito

Xa casado, o home non precisa das excitantes diversións que os solteiros levan a cabo no muíño. ¿Para que, logo, o pau de abeleira do que se axudaba cando ía cara ao muíño ou que serve para desfacer as xuntanzas cando un non é favorecido polas mozas que lle gorentan? O mellor é botalo polo río abaixo.

O servizo de control e policía era expeditivo para os que incumprisen as normas.

A actividade nocturna no muíño é moi frecuente, sobre todo se son de uso comunal, dado que se regulan por roldas ou quendas que tocan cando cadra. Ao non haber muiñeiro que o atenda, posibilítanse máis facilmente as relacións amorosas. Os namorados están atentos á forma de vestir e de enfeitarse das mozas; por iso, un galán sabe perfectamente que roupa e de que tecido é a que leva a amada.

O muíño é un lugar de iniciación na sexualidade e un lugar de encontro sexual, en moitos casos porque ao ser, moitas veces, unha actividade nocturna prodúcese a ocasión. Ás veces exprésase dun xeito claramente hiperbólico que deixa translucir as fantasías sexuais.

mozas bailando con traxe rexional
entrada do muíño

Chegar, de noite ou de día, e petarlle na porta á muiñeira para que abra, sabendo que ten o costume de non lle franquear a entrada a ninguén, pode que non sexa máis que perder o tempo. Ou pode ser que lle gabando a súa virtude quen así se expresa agarde obter algún outro froito. As palabras abrir e fechar ou as que fan referencia a dependencias ou recintos como, neste caso, o muíño choído, connotan, desde sempre, referencias claramente sexuais e temos abondos exemplos nas cantigas de escarño medievais.


Os ratos están sempre presentes no muíño. Un muíño sen ratos é tan inconcibible na mentalidade popular como “unha muller sen home, santo bendito…”. Tamén son realidades inseparables os muíños e os amoríos; aqueles, vistos como lugares de iniciación e de consumación destes, convértense en capela consagrada a Eros, onde ofician os ratiños como verdadeiros sacerdotes amatorios.

grupo de persoas no muíño

Os consellos dos maiores aos novos forman parte da educación, a cal, na súa concepción tradicional, procuraba inculcar unha serie de normas que transmitise os valores fundamentais do grupo.

Entre eles, un moi importante ten que ser, necesariamente, o de inculcar na muller as actitudes e habilidades que a van conducir ao mantemento do seu rol de esposa e nai. Estes consellos ou admonicións ás mozas para que non acudan aos lugares de mala sona, de “perdición e pecado” son comúns, polo menos, en toda Europa, lémbrese o conto da Carapuchiña Vermella. No muíño non haberá lobos feroces, mais hai trapelas, rateiras preparadas para que incautas meniñas caian.

A primeira transgresión das normas comeza na casa, realmente é aceptada socialmente e forma parte da iniciación vital.

O rapaz sente a necesidade, cando lle chega o momento, de saír fóra, mesmo desafiando a furto a autoridade paterna, para percorrer o mesmo camiño que seus devanceiros percorreron cando realizaban os ritos do cortexo do namoro. Hoxe a mocidade anda polas discotecas, pubs e salas de festa; na sociedade campesiña tradicional onde habían de ir? Os muíños eran os únicos locais de relación posible en horas nocturnas. Ao estaren os mozos no intre de madurecer de pouco valían as reixas paternas en forma de camas novas ou de prohibicións implícitas, a vida cumpría o seu fado. Tamén as familias tiñan que gañar coas xerencias do rapaz.

familia comendo

muller de frente

Cando os malos pasos nos conducen, malia as admonicións, a lugares de perdición, a lugares perigosos, sucede o que sucede e só nos queda o consolo do laio e o arrepentimento, aínda que sexa tarde. As prendas de roupa que se perden, sobre todo en lugares propicios transcenden o seu simple significado e elévanse a categoría de símbolos. Unha fita do pelo é máis ca unha cinta, por iso a rapariga está tan desgustada co resultado da súa transgresión. Técnicas expresivas moi requintadas son as que nos fan gañar aquilo que é o resultado do que perdemos.

No muíño cúmprese nesta sociedade campesiña -así como nas cidades o facían outros lugares máis malditos- o rito iniciático da maduración sexual masculina. É un lugar ao que, cando menos pola noite, non se debe achegar un rapaciño, o cal ten escoitado ben veces na casa as advertencias que en forma de conto ou lenda lle transmitían os seus maiores. A transgresión, a desatención aos consellos paternos é o primeiro paso da experimentación para a cal, cando vén, ninguén está suficientemente preparado porque o tabú impediu unha educación sexual adecuada; daquela os medos superpóñense aos desexos e os resultados, aínda que emocionantes, son desastrosos.

muller detrás da porta

A mala sona que teñen os muíños e a función de amplificación que exercen en todo tipo de rexoubas leva a que a xente teña coidado co que fai, máxime nun mundo no que a muller non ten independencia sexual nin económica e no que as saídas a situacións de embarazo non desexado é o matrimonio, desexado ou non. A moenda nocturna faise necesaria porque nalgunhas épocas o muíño non pode coa carga de toda a aldea en horario diúrno. A nocturnidade e as condicións aparelladas de falta de iluminación serven moitas veces como válvula de escape a unha vida social e sexual reprimida.

O encontro amoroso é unha grande ocasión digna de ser festexada. Así é normal que a ledicia que provoca nos impulse a aturuxar, máxima expresión de alegría –e de fortaleza-. En todo caso, esa alegría dos namorados é vista con certa envexa e criticada, sobre todo se quen a goza é unha muller.

Evidentemente os que festexan o amor sénteno igual calquera que sexa o seu estado ou condición mais quizais non o podan manifestar da mesma maneira: unha viúva ou unha muller casada tal vez non poida acudir a un encontro amoroso non regrado aturuxando igual cos solteiros, se cadra teñan que disimular asubiando.

lechuza con lúa

As muiñeiras teñen fama de estar máis liberadas que as outras mulleres, quizais polo trato ou porque son máis visibles. Por iso ás veces beben, aínda que pode ser só ocasionalmente nunha festa ou nunha troula nocturna no muíño.Moito se ten falado dunha antiga sociedade matriarcal da Galicia ancestral. A muller, a imperar nos dominios do lar e tamén a decidir nas cuestións máis transcendentes do acontecer cotián gozaría dunha posición de dominancia na estruturación social. Moitos autores vían posible o desenvolvemento dunha lírica feminina, presente en manifestacións como os supostos antecedentes populares da cantiga de amigo, soamente de existir esa posición xerárquica superior da muller; eses mesmos ven a figura da meiga como continuadora do papel e interpretan como non casual que a figura (re)fundadora da nosa literatura sexa xustamente feminina; máis aínda, a expresión máxima do noso folclore é a muiñeira, o que podemos interpretar como recoñecemento á muller en xeral, ao seu papel na sociedade, mais tamén á muller independente, á que traballa autónoma e ademais nun sector principal, o da preelaboración do produto esencial da alimentación campesiña, e nun lugar de encontro social só comparable ao adro da igrexa. Por iso, a muller muiñeira é obxecto das invectivas dos aldeáns envexosos e, polo xeral, das linguas pacedoras, as malas, claro.

De todos xeitos, o pasarse na bebida, cando menos en zonas de tradición vinícola, se é ocasional, aínda que peor visto nas mulleres, pode ser desculpable e mesmo motivo de festas.

moza sentada nunha moa

Malia a obriga de respectar aos anciáns, sempre poden aparecer burlas e desprezos aos vellos e máis se son mulleres. Son sempre hilarantes as referencias ás funcións fisiolóxicas.

muller cargada
rapariga coa pañoleta na cabeza

A maior porfía é a da auga a petar contra algo: por pouca que sexa acaba por se lle notar o efecto. Se a auga anda con forza e move o rodicio, a moa vira e teima troulón. Esa insistencia da auga e do muíño é a que se lle contaxia á filla do muiñeiro para casar; tanta é que relouca. Ben se sabe que as mociñas, e seus pais, non cren que unha muller deba quedar solteira así que lle chega o tempo.

O valor metafórico do verbo moer, como o de roer, connota dificultade, impotencia e mesmo algo de burla. No xogo amoroso as regras normalmente están ben claras e esixen respecto, mais, por veces, o atrevemento dos mozos, que se propasan en pedir cousas que non deben, obrigan as mozas a utilizar unha linguaxe directa que deixe as cousas e ao atrevido no seu sitio.

moza con traxe tradicional galego

primeiro plano de rapaza con pañoleta

Se a forza da auga facía andar o muíño e iso era símbolo da forza da vontade de guiar a propia vida, a muiñeira, muller decidida onde as haxa, non pode disimular as ganas tolas por casar. A mentalidade popular, non deixa pasar a oportunidade de lle pór mala sona ás mulleres que demostran independencia. Neste caso, é verosímil acusar de ladra a quen conta con medida propia a gra, ou a fariña, allea.

Que dos rapaces se espera que sexan un algo atrevidos, pois tal é o seu rol masculino, é unha obviedade. Mais tamén é certo que das mozas se espera que saiban ofrecer a resistencia xusta diante dos atrevementos deles para que non as marquen na comunidade. Por iso, as raparigas van avisando, por se un aquel, que todo ten un límite e que elas só chegarán a onde queiran chegar.

muller con vestimenta xaponesa
moza descansando debaixo dunha árbore

O atrevemento masculino que descubriamos antes en manifestacións un tanto brutais, pode aparecer como porfía diante das mozas, as cales, perante a sutileza dos galáns, contestan corteses pero manifestando firmemente a independencia da que fan gala. Así e todo, o muíño, os camiños que a el conducen son propicios para actividade amatoria e entre lide e lide ao final o que gaña é o deus arqueiro.

Un dos problemas fundamentais do muíño, das máquinas en xeral, é o da súa eficiencia: non sempre o virar da moa topa grans para moer, malia sabermos xa que a pedra non se debe roer. As mozas, no seu papel de “pretendidas” nunha sociedade machista hanse de dar a valer e o que menos aturan é que os mozos se anden a gabar das súas conquistas, menos aínda se elas non deron razóns ningunhas que lles sirvan a estes de esteo. Por iso avisan de que certos signos non se deben interpretar como o que non son. En todo caso, o conseguir unha moza non é cuestión de chegar e encher. Ou se se quere outra lectura de ser máis eficientes que o mellor dos muíños.

muller con galo

A coquetería e presunción, o darse a valer da muller ten de ser na súa xusta medida, porque do contrario pode ser castigada severamente polos mozos rexeitados que han aproveitar a nocturnidade e o rebumbio da esmorga para apagar a sede do que entenden que é tanta soberbia.

acuarela de moza con traxe tradicional galego
escultura de muller traballadora

A canción popular expresa a función iniciática do uso da peneira como instrumento cunha misión fundamental: separar a fariña do farelo: “Rabeaches pola peneira,/…” E se ten sentido peneirar, haberá que botar na artesa o miúdo, para facer o pan e á parte o relón para lle servir aos animais. Se non se peneira ou a peneira está estragada, non haberá máis que un produto. O valor connotado, case simbólico, da peneira é evidente.


Os requirimentos amorosos fainos normalmente, como se viu, un mozo a unha moza. Eles son os que teñen a prerrogativa do atrevemento, malia non o saberen sempre dosificar. Cando, en ocasións, a rapariga toma a iniciativa, arríscase a que lle suceda o peor que lle pode suceder a unha moza, que se tope co desdén dun pouco galante amador. Se queremos interpretar o canto en boca feminina, outros mundos se nos descobren, quizais máis verosímiles. A rapariga que lle pide á amiga que pase con ela a noite no muíño para poder xustificar un posible encontro amoroso ou para escorrentar o medo que sente por se se manifestan presenzas non desexadas.

nubes acuarela

Nos anos setenta do século pasado puxéranse moi de moda, desde o Reino Unido, os chamados Strikers, que eran persoas que vestidos só cunha gabardina e zapatos andaban pola rúa e que cando consideraban propicio o momento, guindaban coa gabardina e exhibíanse espidos como a súa nai os parira. Vemos que na sociedade tradicional galega nada novo descubrirían. Mais isto merece unha reflexión por canto supón de castigo aos exhibicionistas, que non son aturados polas mulleres que van ao muíño, quizais porque ven un ataque á decencia e unha intolerable presión machista; mais tamén hai que velo desde o punto de vista dunha sociedade que lle nega a sexualidade aos vellos. ¿E sería, pois, a mesma reacción se en vez do vello verde que cren ver, as mulleres descubrisen un fermoso efebo núo?

mulleres tendendo a roupa

Os camiños non sempre son seguros; Fendetestas está sempre aleuto e pode saír para levar a moenda ou, máis comunmente, algún rapaz espelido de máis pode querer acosar as raparigas que tranquilamente van ao muíño. O consello convida á autoprotección mediante o uso efectivo do fungueiro que outros chaman estadullo.

porta do muíño

As mulleres e os homes teñen os traballos divididos, a muller que casa cun oficial ten que se ocupar de lle lavar a roupa. Entre os profesionais dos distintos oficios os que teñen sona de teren uns hábitos menos hixiénicos son os ferreiros. Andar no lume e co carbón mánchalles a roupa e o corpo, suponse.

muller lavando

Entre as funcións do matrimonio, malia o dito italiano “Con amor só auga e bicos” ou entre nós “Contigo pan e cebola”, está a procura dun ben vivir, o obter un bo sustento. As mozas escollen dentro das posibilidades e os artesáns ofrecen o seu produto recorrendo ao que hoxe está mal visto: a contrapublicidade, os mariñeiros están mollados, pero lavados; os ferreiros sucios e queimados, pero quentes.; os cortadores ou carniceiros polo menos teñen que comer, aínda que sen chata non se han zafar.

carnicería

Poucos oficios están tan mal vistos coma os dos ferreiros. Estes artesáns acumulan caracterizacións moi negativas. Á chata do pouco aseo que adoito aparece nas cántigas populares, pódeselle amecer o da brutalidade. Na sociedade tradicional o maltrato á muller, sendo tolerado na intimidade -se se aplicaba en pequenas doses entendidas como correctivos que o varón tiña non só o dereito, máis aínda, o deber de administrar- non se comprendía cando se trataba de actos de brutáns que mallaban nas mulleres “inxustificadamente” ou que as poñían a desempeñar tarefas que non lles competían dado o seu rol de campesiñas e amas da casa. Todo un aviso para raparigas casadeiras.

muller moendo café

A hixiénica vida actual que levamos -tanto que mesmo os dermatólogos recomendan non usar tanto xabón- nada sabe das incomodidades que pasaban os devanceiros, martirizados nas camas, nas cortes, nos eidos, por parasitas que chuchaban o seu sangue cunha avidez que sería maior canta máis competencia establecesen entre si. Se hoxe nos parecen incómodos eses mosquitos dos que nos defendemos con redes, aparellos eléctricos, ultrasónicos,… que diriamos se fixésemos unha viaxe no tempo cara ao pasado, non necesariamente moi remoto. Moscas, mosquitos, pulgas, piollos, por citar só os máis visibles eran fauna non útil coa que había que convivir. Claro que había xente máis limpa e outra menos. Entre os que máis sona tiñan de desaseados, entre todos os oficios, os ferreiros son os máis sinalados.Ata a introdución do ZZ polo grupo Fernández desde O Porriño, a forma de combater as pragas debía ser expeditiva. Os ferreiros, segundo o sentir popular tíñano difícil, dado o seu desleixo. Polo menos o do conto tampouco debía contar con grandes simpatías.


Por se fose pouca cousa a mala fama de ferreiros, pola súa falta de hixiene e pola súa brutalidade, aínda atesouran outra chata, esta quizais máis grave. A súa falta de devoción, a súa impiedade, impídelles seguir a misa axeitadamente, ao seu descoñecemento das oracións úneselle a falta de atención e o aborrecemento, e a fame, que lle producen os ritos xa desde o primeiro momento.

capela rural

Xa se viu a pouca fama de honrados que, por veces, teñen os muiñeiros. Todo aquel que traballa con medidas é susceptible de que o acusen de ladrón, sobre todo en produtos que se transforman e cambian de estado, como pode ser o cereal que pasa de gran a po. Nos muíños habitualmente cobraban en especie, quedando o muiñeiro cunha parte de cada muiñada: a maquía.No mundo tradicional galego quen se sentía roubado ou enganado, se podía, había tomar a xustiza pola man, polo que é normal que se cursen en primeiro lugar ameazas.

mulleres esperando a fariña
Fun ó muíño, roubáronme os foles,
mal raio parta a tantos ladrones,
o muiñeiro é medio meigo,
a muiñeira é meiga enteira,
o criado, ladrón probado,
que me furtou medio ferrado.
Xuro a tal que ha d’haber carambola,
se no’me volven a fariña toda

representación da virxen

Os oficios, as especializacións nos traballos obedecen ás novas necesidades creadas na evolución da civilización preindustrial ou precapitalista, o cal non significa que sempre e en todas as comarcas e aldeas se utilizase este sistema, velaí temos os muíños e fornos comunais que se mantiveron ata hoxe numerosísimos puntos da nosa xeografía. O lóxico é dignificar canto sexa posible o traballo que se realiza e loalo en toda ocasión. Nunha sociedade cristianizada, pero con trazos pagáns clarísimos e persistentes ao longo dos séculos, que mellor que pór aos santos nos labores campesiños e colocar á Virxe como capitá das muiñeiras; de certo que prestixiará unha profesión que non sempre foi suficientemente considerada. Os instrumentos con que traballa a Nosa Señora están, loxicamente, divinizados: a maquía -tamén a Virxe cobraba, non había traballar de balde- de prata, a vasoira para varrer o tremiñado de oliveira, e isto nun país onde están moi localizadas as poucas árbores que producen o froito do aceite.

zapateiro

Alguén tiña, algún día, que gabar os ferreiros aínda en terra de mariñeiros, pois tanta mala fama levan. Hai tamén outros oficios ben peores que o dos que baten no ferro, se ben nesta ocasión á Virxe da Barca non se lle poida falar mal dos mareantes. Nesta guerra gremial, as mozas namoradas son as que deciden coa súa elección cal é o mellor artesán.

mulleres fabricando fío
unha gran lareira

Non é o mesmo comer pan trigo que pan centeo ou boroa. Nalgunhas zonas o pan de trigo chegaba ás mesas ben poucas veces. Por iso, tampouco é o mesmo moer un gran ca outro; e se os muíños se especializan para moer exclusivamente o cereal branco, será porque son muíños para casas boas, quizais para casas grandes e pazos; un muíño así debe ter un bo sitio onde durmir ou farán un bo lume para estar quentes. Así, aínda que fique lonxe, paga a pena ir por aló moer.

Cando as razóns se esgotan, cando hai quen cre que ten dereitos que non se respectan, e o de moer no muíño do común debe ser un moi principal, recórrese á violencia se é que o valor e a forza o permiten. As amezas non se fan veladamente, que se diga.

malladores
festa no terreiro

As regueifas, tan vivas, sobre todo nas vodas, ata hai pouco tempo eran loitas dialécticas, case sempre, entre homes e mulleres onde se puñan a proba as capacidades de enxeño e de improvisación dos “guerreiros” e se festexaban en cada facción os acertos dos campións dos bandos encontrados. Contaban cunha fórmula estereotipada para o comezo, na que aparecía a regueifa servida coma un manxar. Os achados expresivos, en moitos casos, non lle teñen nada que envexar ao produto surrealista, por vangardista, máis elaborado.


cantando e bailando

Mentres o corpo é novo e as forzas nos sosteñan, as ansias de troula continua non han faltar. Por iso, para os mozos só unha noite non abonda, a troula deberíase de seguir unha semana enteira. Daquela ata dos ósos quedaría muíña.

Os traballos son arduos en por si. Levar os foles ao muíño, cargar con eles, andar o camiño,… Se o muíño está moi lonxe e o camiño é esgrevio, o gastar zapato novo desfai calquera pé, e ao irmos fánsenos as vexigas que ao volvermos nos impiden pór calquera calzado. Por iso, xa que nos van seguir mandando a ese muíño que tan ben moe, o mellor é que veña unha boa arroiada que o leve.

debuxo de nena con prato

E por fin chega o día en que no reparto comunal temos a nosa semana de moenda. Pois, xa era hora!

acea grande

Noriega Varela, mestre e poeta montañés, como el mesmo se sentía, ten unha composición de corte costumista sobre unha aventura dun rapaz -trasunto de si mesmo?- que unha noite vai a Cesuras por ver unha moza nunha fiada; o relato versificado remata nunha liorta monumental onde hai golpes e feridos debido a unha guerra entre grupos rivais, entre os que se achaban os estudantes do Seminario. O soprar de alguén sobre o candil acaba coa única luz que alí había, a batalla dá comezo e as pancadas caen sen saber de onde veñen. Na composición do misántropo non se sabe quen apagou a luz do candil; na popular, o rapaz teme que xa saiban que foi el e tamén as consecuencias que a súa acción lle pode reportar. Por iso non quere ir.Hoxe as novas xeracións non comprenden como podía ser a vida nun tempo no que non había iluminación eléctrica, nin focos eléctricos, nin farois de butano, nin nada automático que permitise ver na escuridade nocturna; mais hai que ter presente que só a partir dos anos sesenta do século anterior se comezou a xeneralizar a extensión da electricidade no medio rural galego. Claro que, xustamente, nalgúns muíños nas primeiras décadas da mesma centuria comezaron a introducirse pequenos xeradores, que accionados pola forza hidráulica permitían unha débil iluminación primeiro só para o muíño e nalgúns casos para algunha casa máis.

LITERATURA - POPULAR

Scroll al inicio