Como el país abunda en arroyos de
auga, son innumerables los molinos
que se hallan en él, molioendo sólo tres
o cuatro meses de invierno, y siendo
inútiles lo restante del año.
La economía gallega en los escritos de
Pedro Antonio Sánchez
A enerxía.
Durante moitos séculos o home non contou con outras fontes de enerxía distintas ás derivadas da súa propia forza, a dalgúns animais domésticos ou a propiciada polo vento ou as correntes de auga. A humanidade terá que agardar ata finais do XVIII para coñecer novas fontes de enerxía que, coma o vapor, pode manipular ao seu antollo.


Os muíños barquiformes, coñecidos por diferentes civilizacións e tan abundantes nos poboados castrexos do Noroeste peninsular, consisten nunha pedra coa parte superior cóncava sobre a que se freta outra de menor tamaño. Co este rudimentario procedemento logran as xentes do Neolítico e dos primeiros metais unha fariña grosa que mesturada con auga e cocida permitía obter un pan acedo.
Os muíños manuais.
O coñecemento da agricultura no Neolítico propiciou grandes cambios na forma de vida do home prehistórico. Sedentarismo, poboados, comercio, cerámica… e novos hábitos alimenticios. Aprendeu a moer de forma rudimentaria landras e grans de cereais que el mesmo cultiva empregando, a semellanza dalgúns pobos africanos e oceánicos actuais, machucadores ou morteiros de madeira ou pedra, recipientes cóncavos nos que se golpea o gran cun pao ou con outra pedra.


Un salto cualitativo importante consistiu no emprego dunha moa circular movida a man nun movemento de vaivén ou de rotación completa ao redor do seu eixe. Colocada sobre outra pedra fixa de maior tamaño introducíase o gran polo burato central da moa, conseguíndose unha fariña máis fina que polos procedementos anteriores. Son estes os muíños circulares ou rotativos que tanto abundan nas escavacións castrexas e que perduran en uso ata a Idade Media.
Muíños de sangue.
Empregan a forza humana ou de animais domesticados para mover as moas que aumentan considerablemente de tamaño para triturar maiores cantidades de cereais e poder así atender a crecente demanda de gran. Os muíños de sangue coñecíanse en Roma onde conviven cos hidráulicos. Apareceron numerosos restos de muíños de tracción animal na sepultada cidade de Pompeia. Constaban dun elemento fixo de forma cónica, a «meta», e dun elemento móbil formado por dous conos ocos ou «catillus». O superior servía de tremoia e o inferior, encaixado na «meta», moía o gran cando xiraba.


En Galicia os muíños de sangue empregáronse máis ca nada para a obtención de aceite e casca de carballo. Os primeiros concéntranse nas comarcas de Valdeorras e Quiroga. A trituración da casca de carballo servía para obter o tanino, substancia empregada no curtido das peles.
Todos estes habitantes da montaña (…) nútrense de landras que, secas e trituradas, moen para faceren un pan que pode gardarse moito tempo.Estrabón. Xeografía da Iberia, III, 3,7
A enerxía hidráulica aplícase a diferentes artefactos desde a época do Imperio Romano, circunstancia acreditada polos trebellos descritos detalladamente no s. I a. C. por Vitrubio. Elemento indispensable para o seu accionamento son as rodas ou rodicios dispostos vertical ou horizontalmente.
Si algún ombre furta fierros de molino, u otro engeno, entregue lo que tomó, e demás peche por el furto quanto deve pechar quien furta otras cosas, e demás reciba C azotes.(Fuero Xuzgo (157, Libro VII, Título II, XII)


Os de roda vertical ou aceas son construcións instaladas no mesmo curso do río porque requiren grandes caudais de auga para impulsar unha roda de grande envergadura disposta verticalmente. Por construírense en ríos de certa entidade están mellor documentados de aí que algúns autores consideren que son os primeiros en empregarse.
Deixaron os enxeñeiros romanos testemuñas de interese como os muíños de rodicio vertical construídos nos s. II ou III d. C. en Barbégal (Francia) e os dispostos no Miño ó seu paso por Ourense. Mentres as aceas se constrúen en ríos de certa entidade os de rodicio, máis simples tecnicamente, teñen unha maior capacidade para aproveitar a forza da auga dos pequenos regatos.
A pesar de non se produciren grandes cambios técnicos na etapa de decadencia económica e técnica que segue á caída do Imperio Romano, os séculos da Alta Idade Media contemplan unha ampla difusión do muíño hidráulico, especialmente desde a chegada dos pobos musulmáns. Nos séculos modernos acadan o seu apoxeo e manuscritos como «Os vinte e un libros dos enxeños e das máquinas» poñen de manifesto o perfeccionamento e variedade tipolóxica existente.

Os Ilustrados critican o abandono e o minifundismo dos muíños e propoñen substituílos por outros maiores e máis rendibles. Na segunda metade do séc. XX abandónanse definitivamente por non poder competir coas modernas fábricas de fariña eléctrica, pero antes, a comezos dese mesmo século, prestarán un novo servizo: producir luz eléctrica.
Xa que o país abunda en regatos de auga, son innumerables os muíños que se atopan nel, moendo só tres ou catro veces no inverno, e sendo inútiles o restante do ano.La economía gallega en los escritos de Pedro A. Sánchez


Muíños de barca.
Son escasos, e como os restantes, coñécense desde antigo. Os historiadores clásicos describen como os romanos asediados polos ostrogodos instalaron maquinarias de muíños en barcas amarradas ás pontes do Tíber. Utilizaban a corrente do río para accionalas e moer o necesario para abastecer a poboación sitiada.
Muíños de mareas.
En lugar de utilizar auga dos ríos aproveitan a forza derivada da caída da auga nos cambios de marea. Son máis abundantes na costa atlántica e cantábrica ca na mediterránea por seren máis fortes as diferenzas entre preamar e baixamar. Constrúense naqueles entrantes costeiros que facilitan o embalsamento de auga coa suba da marea. Un dique permite retela ata que co devalo se libere xerando unha forte corrente que xera a enerxía necesaria para mover os rodicios.

Propiedade e explotación.
Os muíños hidráulicos medievais, igual que as forxas, fornos, montes e augas, pertencían aos señores laicos ou eclesiásticos que cedían o seu uso ós campesiños a cambio dos correspondentes tributos. Co paso do tempo os campesiños xuntáronse para construír muíños –muíños de herdeiros ou de parcería- para o seu servizo e úsano de forma rotatoria o tempo proporcional ao investimento realizado. Outros pertencen a un so propietario –muíños de maquía– que moen para todo aquel que o desexe cobrando polo traballo a maquía ou porcentaxe da fariña muda: trigo, centeo ou millo a partir do s. XVII.


Os muíños podían ter máis dunha roda, nos que tiñan dúas era a fareleira para moer o millo e outra albeira na que se moe o trigo e o centeo. A calidade da fariña mua varía entre o óleo, fariña fina que caía ao pé da moa; o farelo, fariña brava coas mondas do gran e o picón que máis ca moído quedaba machucado.
O pan cómese, a carne lámbese (…) As xentes de certo acomodo comían pan de trigo; para o resto, que se mantiña de centeo ou millo, o trigo era unha festa. Saavedra, P. A vida cotiá en Galicia 1550-1850


O ferro.
Os museos arqueolóxicos gardan variados útiles de ferro, moldes de fundición e escouras de mineral que acreditan o coñecemento do ferro en Galicia desde tempos remotos. O ferro é un mineral abundante e coñecido desde moi antigo que rara vez se atopa en estado nativo e necesita dun proceso de transformación consistente en separar o oxído e as impurezas de xofre do metal. Para conseguilo é necesario alcanzar temperaturas duns 1000 ºC mediante a combustión de carbón vexetal. O resultado é un ferro pastoso con moitas impurezas.


Comunmente atribúese a un pobo que habitou en Asia Menor, os hititas, os loureiros de seren os primeiros en reducir o mineral de ferro a mediados do II milenio a C. Os útiles e armas de ferro que fabricaban dábanlles un enome poder sobre os seus inimigos e deberon gardar ben o segredo porque tardou en difundirse o ferro por territorios máis amplos.Os pobos indoeuropeos procedentes da Europa central difundiron en diversas vagas migratorias a metalurxia do ferro na península ibérica. Os pobos do Mediterráneo Oriental asentados no Levante peninsular achegarán novos cultivos e novas técnicas metalúrxicas.

O novo metal vaise impoñendo ao bronce entre os pobos castrexos nun proceso lento por causa das dificultades que supón fundir o mineral de ferro. As técnicas empregadas polos ferróns castrexos foron rudimentarias e permaneceron practicamente inalterables ata a Idade Media.

As ferrarías emprázanse no medio dos montes abondosos en mineral e madeira. Nos fornos medio enterrados construídos con pedras e recubertas de arxilas refractarias alternábanse capas de carbón vexetal e mineral de ferro. Na base dispoñíanse unhas tobeiras polas que se insuflaba aire por medio de rudimentarios foles movidos con grande esforzo. Dentro do forno a combustión de inxentes cantidades de carbón vexetal produce as reaccións químicas que permiten reducir o metal e separalo da ganga.
A obtención do carbón vexetal é un proceso laborioso que se realiza fundamentalmente na primavera e outono. Consiste en apilar a leña nun montiño con forma cónica. Por baixo debe estar sobre chan ben seco e por riba tápase de leña miúda que apare os terróns que recobren o montiño. Préndeselle lume no medio e só queda agardar a que se produza a combustión incompleta da leña. O carboeiro debe vixiar o proceso día e noite para permitir a saída de fumes e apretar o montiño para que non se esborralle. Completado o proceso trasládase o carbón en mulas ás ferrarías e forxas.

Unha vez reducido, os ferróns quitábanlle as últimas escouras e compactaban o ferro fundido a forza de martelo. Quedaba listo para que nas pequenas ferrarías dos vales fose transformado en todo tipo de útiles: fouces, espadas, puñais… e baixo a dominación romana en numerosas ferramentas para os traballos mineiros que se desenvolven no Bierzo ou no Courel.

O procedemento de obtención de ferro nas ferrarías de monte, coñecido como método directo, foi mellorado coa técnica da forxa catalá xurdida nos Pirineus na Alta Idade Media. Caracterízase por empregar un forno baixo construído de mampostería no que se alternan cargas de carbón e mineral. Con axuda inicialmente de foles e logo de trompas de auga sóprase aire. Con esta técnica traballan as ferrarías da Península ata o s. XV.
Os ferreiros galegos terán que agardar, cando menos, ata ben entrado o século XIII para aplicar a forza da auga ao momevemento dos foles que inxectan aire nos fornos e dos mazos que abatanan o ferro fundido.
Os cambios técnicos non son bruscos e as novas ferrarías hidráulicas, trasladasdas desde os montes ás beiras dos ríos conviven por un tempo, ata o s. XV, coas vellas ferrarías de monte.

A siderurxia galega ten un carácter de actividade complementaria da agricultura. Os ferróns galegos son industriais e comerciantes ademais de campesiños ou gandeiros. Desprázanse polas feiras para vender os obxectos fabricados abandonando por un tempo o traballo na ferraría e, de igual xeito, cando a auga dos ríos non é suficiente para mover o rodicio dedícanse a tarefas agrarias e gandeiras. Producen para o consumo local ferramentas, útiles domésticos, cravos e reixas para as igrexas e mosteiros.
Mentres a siderurxia galega ten un carácter de actividade complementaria e orientáse cara a mercados locais, as ferrarías vascas abastecen o mercado peninsular e as dos países nórdicos, en especial as de Suecia, o europeo.

No s. XVIII parecen darse as condicións favorables para o despegamento da siderurxia galega: unha agricultura en expansión (millo e pataca), a creación polos Borbón dos estaleiros de Ferrol e a denuncia dalgúns Ilustrados conscientes da necesidade de avanzar parecen crear un clima propicio para o desenvolvemento da siderurxia. Coa prohibición de Carlos III de importar ferro de Suecia florece a siderurxia peninsular: modernízanse ferrarías e créanse outras novas.
«En Santiago de Sargadelos, tres cuartos de legua distante del puerto de San Cibrán, estableció don Raymundo Ibáñez una fábrica de potes, calderas, bombas, balas y metralla, sacando el mineral del lugar de Reinande que se halla a seis leguas de la costa en aquella parte del reyno de Galicia (…)»
Lucas Labrada. «Descripción del Reyno de Galicia»
O máis moderno centro fabril creouse en Sargadelos por iniciativa dun empresario asturiano, Raimundo Ibáñez, a finais do XVIII. Naqueles altos fornos fundíase ferro co que se fabricaron armas e municións, cociñas e potes. Aquel experimento atravesaría por numerosas dificultades: no 1798 os veciños destruíron o complexo por considerar que a industria esquilmaba os montes comunais e durante a guerra da independencia o propio Raimundo Ibáñez é condenado por afrancesado.


Sen embargo, ben fose por desidia da burguesía posuidora de capital suficiente para investir na industria moderna, ben polo escaso interese dos ferreiros en incorporar novas técnicas ou ben por non haber suficiente demanda de ferro, a melloría será un espellismo en Galicia. Coñecerá unha leve recuperación nos anos centrais do XIX cando a desamortización incremente a demanda de ferro con útiles para roturar as terras que saen ao mercado e a produción das ferrarías vascas veñan a menos por causa das guerras carlistas
A melloría ha ser efémera e no último cuarto de século pechan a maioría das galegas. Acabará por impoñerse a siderurxia do País Vasco e de Gran Bretaña, país que si camiña decidido cara ao proceso industrializador. Mentres nas fragas galegas se cortan árbores a diario para queimar nos fornos das vellas ferrarías; en Bristol, Cadiff ou Birmighan o vapor move os foles dos altos fornos e o carbón de coque substitúe ao carbón vexetal como combustible. As ferrarías galegas continuarán ensimesmadas, como xacando, sen que a burguesía amose interese por investir os seus capitais na moderna industria.
O padre Sarmiento apuntaba: «desde Ribadeo ata Portugal hai unha cordilleira para ferrarías, con vea e leña para multiplicar non só ferrarías senón para poñer alí fábricas de todo xénero, sen necesidade que veña de fóra.»
Segundo unha definición de Sebastián de Covarrubias no «Tesoro de la Lengua…» de 1611, “Un batán é certa máquina ordinaria duns mazos de madeira moi grosos, que move unha roda con auga, e estes golpean ás veces nun pilón, onde abatanan os panos para que se limpen e se incorporen e tupan”. Este enxeño de madeira denominado batán ou folón -«foulon» en francés, «pisão» en portugués- emprégase desde a Idade Media para golpear os panos de la transformándoos nun tecido mesto e resistente.
O proceso descríbeo E. Larruga (Memorias políticas y económicas…) do seguinte xeito: «Abatánanse os panos nas nosas fábricas de diversos xeitos: sérvense nunhas de excremento de porco, noutras só da terra que comunmente se usa para afoloar; noutras da referida terra e ouriños mesturados; e ultimamente noutras só de xabón (…) É este o máis especial de todos os ingredientes, e o que abatana mellor, porque dá máis forza que os outros ás estofas, a causa de que comprime estreitamente as fibras da la entre si (…)»
As súas orixes deben ser tan primitivas como os mesmos tecidos. Para quitar a graxa e a suciedade, os romanos proceden ao pisado das prendas de la unha vez somerxidas en auga e mesturadas con produtos deterxentes: unha arxila chamada terra de batán -terra fullónica-, cinsas de madeira, ouriños fermentados que se recollían de urinarios públicos e plantas deterxentes. Tras o lavado proceden a abatanar os panos con bates de madeira co fin de compactalos e extraer os residuos dos deterxentes empregados.

As materias primas máis empregadas na manufactura téxtil galega foron o tradicional liño e a la. As referencias escritas ao liño son constantes e numerosas: os cronistas eloxian os tecidos procedentes do territorio dos zoelas -Bragança?, Becerreá? algún lugar da costa galega?. A súa elaboración requiría dun variado instrumental: fusaiolas, pesas de tear, rocas…, que proliferan nas escavacións. Os lenzos viveiros gozan de grande sona no XVI e XVII. Un século despois os Ilustrados -Lucas Labrada, Pedro Sánchez, Cónsul Jove- denuncian o atraso das técnicas produtivas e insisten na necesidade de impulsar unha moderna industria téxtil.

Cultivouse por toda Galicia, tanto no litoral coma nas mellores terras do interior. Incluso, na idade de apoxeo das manufacturas de liño, nos séc. XVIII e XIX, desembarcaba nos portos galegos de Ribadeo, Carril e Vigo procedente dos países Bálticos a pesar de que o refrán «o liño de Holanda pesa e non anda» deixaba clara a mellor calidade do liño autóctono. Manufacturado, exportábase cara a Castela e América.

Todas as complexas operacións de cultivo, fiado, tecido e tamén a comercialización dos lenzos, desenvolvéronse no marco da unidade familiar, nun proceso autónomo e complementario da actividade agraria -industria rural doméstica-
A producción abastece o consumo local e en menor medida exportábase a outras partes da Península e incluso de fóra. Lucas Labrada refírese á mariña luguesa, unha das comarcas onde máis medrou a industria dos tecidos de liño, deste xeito:
«En esta villa de Vivero (…) aunque no existe fábrica alguna perfectamente organizada, la de lienzos constituye la principal industria de sus naturales. Las mujeres en lo general (…) hilan y fabrican cada año una o más telas, que tejen otras de su sexo, (…); y el resultado anual de esta manufactura asciende en la actualidad a más de trescientas cargas de lienzo de mil varas cada una, que se extraen para las Castillas…»
En Castela os grandes rabaños de ovellas meiriñas móvense na busca dos mellores pastos polas vereas reais. A gandaría transhumante tiña por finalidade atender a demanda dos artesáns dos países do Norte de Europa e en menor medida a demanda interna. A actividade gandeira regúlase a través do Honrado Concello da Mesta, constituído en tempos de Afonso X, que defende os privilexios dos gandeiros e da propia Coroa a quen a exportación de la lle reporta importantes beneficios.

«Unos trasquiladores, muralla adentro, pelan ovejas en una cuadra que da a la calle. El vellón sale entero, como una camiseta llena de grasa, y las ovejas se quedan en cueros vivos, flacas, ventradas, desgarbadas. Unos niños miran viciosamente, mientras sonríen en silencio…
«Cela, C. Viaje a la Alcarria.
En Galicia a producción de tecidos de liño e de la non logrou superar o paso da manufactura e converterse nunha industria moderna mecanizada. Tampouco se incorporaron, a escala industrial outras fibras téxtiles como a seda e o algodón, situación que denuncian os escritos de ilustrados como Pedro A. Sánchez:

«Ropas, cuanto se consumen aquí, de lana, algodón y seda, son traídas de afuera, excepto solamente el burriel de la gente del campo, que cada día va en disminución, como el ganado de cuya lana se fabrica (…) las manufacturas tampoco prosperan. En los valles de Valdeorras, Quiroga y Monforte, se hace de tiempo antiguo alguna cosecha de seda. Pero, o se vende en capullos, o se hila para harneros, sin que jamás salga de esta imperfección.»

Houbo, en todo caso, efémeras experiencias fabrís de escaso relevo a excepción da fábrica da Real Maestranza de Mantelería da Coruña que abastecía a casa Real. En Pontevedra Lucas Labrada reseña unha fábrica de algodón establecida alí no 1793 por dous ingleses «con Real permiso, para embarrar, cardar, hilar y tejer lanas y algodones (…)» A fábrica, a pesar do apopio recibido, non consegue exercer o necesario efecto de arrastre sobre a industria téxtil galega.
«La única fabrica que nos da grandes esperanzas es la de algodones de Pontevedra, que si logra consolidarse podrá servir de modelo a otras, que disminuyendo la entrada de tejidos de este género, traerán infinito bien al reino. Pero es preciso confesarlo, a pesar de la inteligencia y desvelos de sus dueños (…) no obstante haberle el gobierno suministrado protección, edificios y caudales, no tiene todavía su establidad asegurada. Algún revés, tal como el incendio del edificio, la muerte de uno de los dos fabricantes, podría trastornarlo todo y causar un vacío, que no sería posible llenar. «
A enerxía hidráulica comeza a empregarse, o mesmo ca nos restantes enxeños, polos séculos XII e XIII. O seu uso non significou o abandono total dos procedementos manuais de abatanado.A documentación medieval refírese aos folóns como aceas ou muíños trapeiros en referencia ós rodicios verticais empregados nos batáns. Desa terminoloxía parece desprenderse que os folóns foron utilizados con posterioridade aos muíños.

A operación de afoloar os panos perdura ata o s. XVIII sen que se produzan avances significativos nos séculos anteriores. As xigantescas fábricas reais impulsadas polos primeiros Borbón en Guadalajara, Brihuega ou San Fernando de Henares (Madrid) continuarán empregando as técnicas de abatanado coñecidas desde a Idade Media.
Da fábrica de Brihuega, análoga á de Guadalajara, di Cela en Viaxe á Alcarria que “no fabrica nada. En otros tiempos según el viajero cree haber entendido, fabricaba paños”

Non existe un período histórico chamado Idade da Madeira por moito que esta materia prima, xunto coa pedra, acompañase ó home desde a súa primeira existencia e o seu uso e aplicacións fosen, e aínda son, de enorme interese económico.


Estrabón ó describir o modo de vida dos pobos do Noroeste peninsular afirma que “usan vasos de madeira coma os celtas (…). Sen embargo o uso de troncos para construír pequenas embarcacións non debía estar moi xeneralizado: «usaban barcos de coiro antes de Bruto por mor das crecidas e baixadas das mareas, pero agora, mesmo os barcos feitos dun tronco de árbore, son raros.
”Avieno incide na mesma idea: «Estes [os oestrymnios] non construíron as lanchas de pino (…) nen como é costume curvan as lanchas de abeto, senón que, cousa pasmosa, sempre preparan as embarcacións con peles xuntas e co coiro moitas veces percorren o vasto mar.»
De madeira fabricaron os primeiros homínidos armas -arcos, lanzas, alabardas- coas que cazar e combater, cabanas e refuxios nos que acollerse, aixadas e arados- para o traballo agrario, troncos baleirados en parte permitiron unha pesca de baixura, cestos de vimbios posibilitaban o transporte e almacenaxe de froitos. Con madeira alimentaron o lume que foron capaces de provocar fretando dous paos. No próximo Oriente, berce do Neolítico europeo, construíron rodas macizas, logo con radios que supuxeron un enorme avance tecnolóxico.

Para preparar toda esta variedade de útiles usaron seixos exentos cun gume cortante ou atados a mangos de madeira a modo de rudimentarias serras. A construcción de serras manuais, cadradas ou en arco, con follas de metal supuxo un gran salto tecnolóxico que lles permitiu fabricar obxectos e edificacións cada vez máis complexas: casas que combinan a pedra e a madeira, toneis para o viño, grandes embarcacións, enxeños hidráulicos fabricados integramente de madeira…


Dada a importancia que adquire a madeira non é estrano que xa os clásicos se preocupasen de escoller o momento ideal para talar as árbores. Segundo Plinio a mellor época é o “minguante de agosto sendo aínda máis favorable cando este minguante cae en setembro”.
Vitrubio indica tamén como se debe facer o corte: [Realizarase] «un corte parcial na árbore ata chegar ó cerne e deixarase secar de pé para que por aquela ferida se destile o mal humor e quede sen vicio e menos corruptible”

A chamada en galego serra portuguesa -serraçao braçal portuguesa, sierra abrazadera castelá-, empregouse en Galicia ata mediados do s. XX. Funciona «pola acción conxunta de dous individuos que cooperan en situación de equilibrio actuando cada un nun estremo da serra, imprimíndolle un movemento de vaivén». A torada apóiase no burro, conxunto de puntais a xeito de cabaletes ós que se ata o tronco a cortar. Por riba del traballa, de pé, un dos homes; por baixo, de pé ou medio agachado, outro.

A serra portuguesa comprende unha lámina de dentes inclinados na dirección do corte montada nunha armazón rectangular de madeira formada por dous brazos horizontais e dous verticais. A lámina ténsase mediante dúas cuñas de madeira situadas no exterior das abrazadeiras.

Aínda que outros enxeños hidráulicos, muíños, batáns… son coñecidos desde moito antes, o emprego da enerxía hidráulica nas serrarías non se produciu ata ben entrada a Idade Media. Foi un arquitecto francés, Villard de Honnecourt, quen representou no s. XIII a primeira serra hidráulica, arcaica e moi elemental -tanto que algúns autores dubidan de que funcionase correctamente- da que temos noticias: “deste xeito serra unha serra por si mesma”, explicaba o arquitecto no gravado.
Nos diferentes tratados de máquinas dos séculos XVII e XVIII -Jacques Strada, Dessins artificieux de touts sorts de moulins; Salomon de Caus, Les raisons des forces mouvantes– son frecuentes as representacións de serras hidráulicas e artefactos para tradear troncos e, no caso de España representacións de serradoiros nos estaleiros de América.
Malia expansión destes enxeños, aínda é moita a madeira que no s. XVI se serra a man polo que a tentativa de construír serras mecánicas tropeza coa oposición dos aserradores braceiros en Deptford -Inglaterra- convertidos en pioneiros do movemento mecanoclasta.




















