A auga é a forza motriz de toda a natureza
Leonardo da Vinci
ESTRUTURA E COMPOSICIÓN
A molécula de auga está constituída por dous átomos de hidróxeno e un de osíxeno; nela os electróns compartidos son máis fortemente atraídos polo osíxeno que polo hidróxeno, o que orixina no conxunto unha molécula electricamente neutra, aínda que o átomo de osíxeno teña certa carga negativa e os átomos de hidróxeno unha certa carga positiva. Esta natureza dipolar da auga fai que as súas moléculas tendan a se asociar entre si mediante as denominadas pontes de hidróxeno.


As moléculas de auga organízanse en fíos oscilantes.
Neste modelo cada molécula forma catro enlaces, en realidade os electróns que participan en ditos enlaces están de seguido oscilando de maneira que, en cada momento só dous dos catro enlaces son fortes e os outros dous son máis febles. As devanditas oscilacións altérnanse entre os catro enlaces e ao final, en promedio, os catro enlaces teñen a mesma intensidade. Physical Review Letters por Emilio Artacho e Mariví Fernández-Serra.
ESTADOS: SÓLIDO – LÍQUIDO – GAS
Os cambios de estado sólido – líquido – gas dependen de dous factores, a temperatura e a presión.
O punto de fusión e ebulición, (así como a calor latente de fusión e vaporización), ten valores máis altos do que cabería esperar debido á existencia das pontes de hidróxeno.
DIAGRAMA DE EQUILIBRIO DE FASES




PODER DISOLVENTE
A auga é un bo disolvente tanto de substancias inorgánicas coma orgánicas debido ao seu carácter dipolar.
Disolve :
- sales e outros compostos iónicos
- compostos orgánicos polares
- os gases presentes no aire (CO2, O2 …) tamén son solubles na auga
- pode ter partículas maiores en disolución coloidal.
Esta característica inflúe na acción xeolóxica erosiva e de transporte. Tamén ten importante relación con outros procesos como na contaminación


TENSIÓN SUPERFICIAL
A auga líquida ten elevada tensión superficial e unha grande capacidade humectante. Esta propiedade é a responsable dalgúns fenómenos curiosos, como é o feito de se poderen desprazar os zapateiros sobre as augas sen romperen a súa superficie, ou que nas plantas ascenda a auga por capilaridade dende o solo ata varios metros de altura.

CALOR ESPECÍFICA
A auga presenta elevada calor específica (e de vaporización), o cal lle permite tomar ou ceder grandes cantidades de calor sen variar moito a súa temperatura. Esta propiedade fai que as grandes masas de auga axuden a manter moderado o clima, xa que almacenan calor no verán para cedelo no inverno. Tamén atenúa globalmente a temperatura do planeta permitindo a circulación da calor entre as diferentes latitudes terrestres.
Circulación de calor por mor das diferentes temperaturas da auga do mar.
Na imaxe obsérvase como descenden as correntes frías polares e como ascenden as augas cálidas procedentes das zonas tropicais.
Imaxe obtida do Servizo Marino de Copernicus

DENSIDADE
Á diferenza doutras substancias, a auga é máis densa en estado líquido que en estado sólido. O valor varía coa temperatura e coa salinidade, mais adóitase tomar como valores de referencia os seguintes: densidade do xeo 0.917g/cm3 e densidade da auga dóce 1 g/cm3


Esta característica da auga é esencial para o desenvolvemento da vida dos ecosistemas acuáticos de ambientes fríos, xa que se o xeo fose máis denso cá auga, en zonas frias conxelaríase a auga superficial, afundiríase o xeo e repetiríase o proceso ata conxelarse a auga toda, desaparecendo todos os seres vivos de dito ecosistema acuático. Pola contra ao ser o xeo menos denso conxélase a superficie da auga e nas partes profundas poden seguir existindo os organismos ata o vindeiro período cálido.








