Comprende como funcionan as poleas e a correa
Para transmitir o movemento entre árbores distantes empréganse: poleas e correa, poleas e correa dentada e cadea con rodas dentadas.

Transmisión por fricción
A transmisión por poleas e correa realízase por fricción: empregamos a correa para unir as poleas. Nunha transmisión entre poleas con correa, a polea que ten o movemento chámase polea motriz, e a que recibe ese movemento a través da correa chámase polea conducida.
O sentido de xiro da polea conducida é o mesmo que o da motriz se a montaxe da correa é en paralelo, e as poleas xiran en sentido contrario cando se cruza a correa. Este sistema practicamente non se usa na actualidade.

Entre as poleas e a correa sempre vai existir deslizamento, o que fai que a relación de transmisión non sexa exacta. Para diminuír o deslizamento ou evitar que patinen empréganse correas trapezoidais sobre poleas acanaladas, e cando se quere transmitir grandes potencias colócanse varias en paralelo. As correas poden ser tamén planas, redondas ou estriadas para conseguir máis agarre.

Correas dentadas
Para conseguir relacións de transmisión exactas utilízanse correas e poleas dentadas, aínda que a estas poleas tamén se lles pode chamar rodas dentadas. Este tipo de transmisión é moi interesante porque ten vantaxes das poleas e correa, como ser silenciosa e necesitar pouco mantemento, e das transmisións dentadas, como ausencia de deslizamentos, elevada transmisión de potencia e ocupar pouco espazo.

Lei de transmisión e relación de transmisión
Desprezando os deslizamentos, a lei de transmisión establece:
n1 · d1 = n2 · d2
onde n é a velocidade de xiro (en rpm) e d o diámetro da polea, sendo 1 a motriz e 2 a conducida.
A relación de transmisión i é a que existe entre as velocidades de xiro de saída e de entrada:
i = n2n1
No caso das correas e cadeas dentadas, ao non haber deslizamento, esta mesma relación tamén se pode expresar en función do número de dentes de cada roda:
i = z1z2