Comprende como funcionan as rodas e a cadea
A transmisión por cadea úsase cando se necesitan as características típicas da transmisión por rodas dentadas (grandes potencias e relación de transmisión exacta) pero existe unha distancia considerable entre eixes.
Cadea de rolos
Hai distintos tipos de cadeas de transmisión, pero a máis usada é a de rolos. Esta cadea consta dunha serie de placas que fan de elos articulados e móvense polo exterior da roda. Estas placas están unidas entre si por medio de pasadores, sobre os cales xira un rolo que engrana cos dentes das rodas.
A distancia entre os rolos é o paso, e este debe ser igual que o das rodas coas que engrana.

Cando necesitamos transmitir potencias moi elevadas pódense utilizar cadeas de dúas ou tres fileiras de rolos.
Vantaxes e inconvenientes da transmisión por cadea
Vantaxes
Ademais das xa mencionadas en relación á potencia e á relación de transmisión, hai que destacar que:
- É un sistema máis fiable e resistente que o de correas dentadas.
- Permiten o cambio de velocidade en marcha (cambio das bicicletas).
Inconvenientes
- É un sistema de transmisión moito máis caro que as poleas e correa, mesmo que a correa dentada.
- Produce máis ruído que o sistema de poleas e correa.
- Necesita lubricación adecuada para o seu funcionamento.
Mantemento e tensado
Coa lubricación non abonda: a cadea tamén se vai alargando co uso e perde tensión. Se queda demasiado frouxa pode saltar ou saír da roda; se queda demasiado tensa, desgástase antes.
É habitual que os sistemas de cadea inclúan algún mecanismo de axuste, como os tensores nas motos ou o propio desviador nas bicicletas de cambios.
Aplicacións
O sistema de cadea e rodas dentadas é moi coñecido e utilizado en determinados ámbitos:
- É o sistema que utilizan as bicicletas para transmitir o movemento dos pedais á roda traseira. Normalmente este sistema leva un cambio de velocidades incorporado.
- Utilízase tamén maioritariamente nas motos, para transmitir o movemento entre a caixa de cambios e a roda traseira.
- É moi utilizado nos motores de explosión para sincronizar o movemento do cegoñal e da árbore de levas, para que as válvulas abran e pechen cando o demandan os pistóns. Cando fai esta función coñecémola como cadea de distribución.
- Tamén se emprega noutros ámbitos da industria, como a maquinaria agrícola, as cintas transportadoras e a maquinaria pesada.

Relación de transmisión no mecanismo de rodas e cadea
Igual que nos casos anteriores, a lei de transmisión é:
n1 · d1 = n2 · d2
Como o diámetro dunha roda dentada é proporcional ao seu número de dentes, a relación pode expresarse tamén en función de z:
n1 · z1 = n2 · z2
onde n é a velocidade de xiro (en rpm) e z o número de dentes da roda, sendo 1 a motriz e 2 a conducida.
A relación de transmisión será:
i = n2n1 = z1z2